A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida será declarada Ben de Interese Cultural
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida, que se celebra os días 8 e 9 de setembro desde hai séculos no municipio de Quiroga.
Á hora de elaborar o expediente, que supón a súa protección patrimonial inmediata, os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta que se trata dunha manifestación que ten “un valor cultural sobranceiro que mantén o respecto pola tradición e polos rituais transmitidos de xeración en xeración”.
Na incoación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén destaca o aspecto propio desta manifestación inmaterial, que fai que sexa recoñecida como “singular“ en relación ao resto das romarías de Galicia, xa que xira ao redor da representación escenográfica sobre a loita entre a fe e o mal, representado polo Meco, que leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos.
Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento propio da celebración, que seguen a figura da virxe. Ao son da gaita bailan tanto o Meco como as coñecidas como Pampórnigas, que son dúas figuras xigantes que simbolizan a un home e a unha muller. Outro momento considerado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como “determinante” desta “singular representación escenográfica” é cando a virxe entra na igrexa e o Meco se prostra perante ela e o pobo.
Ademais, nesta incoación tamén se lle recoñece o feito que se celebre desde hai séculos “sen apenas mudar co paso do tempo”. De feito, saliéntase que, malia as prohibicións da aparición de xigantes e cabezudos ditaminadas por autoridades eclesiásticas e civís no século XVIII, persistiu a celebración coas figuras do Meco e das Pampórnigas, “como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, na que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega”.
Por todos estes motivos, desde o departamento de Cultura da Xunta valórase que a Romaxe da Nosa señora dos Remedios da Ermida é o “reflexo da apropiación identitaria” feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida. Ademais, inclúese a todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión desta tradición como “pertences á comunidade portadora desta manifestación inmaterial”.
Neste senso, cómpre lembrar que as persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden a veciñanza do ámbito parroquial e mesmo municipal de Quiroga, xa que se reúnen e participan neste ritual veciñanza dos concellos da contorna, como son Bóveda, O Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.