A romaría de San Mateo de Monforte contará cun dispositivo de seguridade

RibeiraSacraXa
Unha xuntanza técnica entre o goberno local de Monforte e os corpos de seguridade serviu para perfilar o dispositivo de seguridade da romaría do San Mateo, que terá lugar este xoves 21 na parroquia de A Parte.
seguridade Monforte
19 sep 2023

Unha xuntanza técnica entre o goberno local de Monforte e os corpos de seguridade serviu para perfilar o dispositivo de seguridade da romaría do San Mateo, que terá lugar este xoves 21 na parroquia de A Parte.

Na xuntanza, o alcalde estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, o inspector da Policía Local, Miguel Martínez, así como representantes da Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros e Axentes da Cidadanía do Concello.

O obxectivo, destaca o Alcalde, “é que a romaría e festa se celebren coa maior tranquilidade e seguridade posibles, e para iso dende o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”.

Así, no dispositivo deseñado dende o Concello participarán, coordinados pola Policía Local, outros Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así como persoal colaborador municipal de Servizos á Cidadanía e o dispositivo inclúe unha ambulancia contratada polo Concello, por se fose preciso atender a algunha persoa.

Actuacións

O xoves, 21 de setembro, a parroquia de A Parte acollerá numerosos visitantes e, por ese motivo, na xuntanza acordouse establecer un único sentido de circulación na estrada de acceso ó campo da festa, con entrada dende a parroquia de Valverde e saída pola estrada do canal de regadío e Reigada.

A zona estará sinalizada e haberá un control de tráfico permanente.  Axentes no campo da festa O dispositivo de seguridade estará dirixido pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico. Os axentes da Garda Civil vixiarán as saídas e as entradas ao lugar da romaría. Ademais, a Policía Local velarán pola seguridade do recinto da festa e dos seus arredores; tamén haberá efectivos da Policía Nacional. Neste senso, durante toda a xornada haberá unha patrulla tanto da Policía Nacional como da Policía Local permanentemente no espazo do evento.

Polo que respecta á noite previa á celebración da romaría haberá unha patrulla da Policía Nacional con presencia reiterada na zona. Todos estes axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado presentes na festa, contarán coa colaboración do persoal de Servizos á Cidadanía do Concello de Monforte. Por outra parte, xa o día anterior, o Concello dotará o recinto da festa de varios contedores para que a xente poida depositar neles os residuos xerados durante a celebración. Esta Romaría do San Mateo, é a última das actividades programada polo Concello de Monforte dentro do Verán Cultural.

0.1383650302887