A Ribeira Sacra presenta en Fitur a súa candidatura a Patrimonio Mundial

A candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO foi presentada esta mañá na Feira Internacional de Turismo (FITUR), no stand de Galicia. Este paso supón un avance significativo na promoción desta zona como un destino turístico de calidade, ligado á natureza, á cultura e á gastronomía.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou no acto que esta candidatura “é un proxecto estratéxico para o Goberno de España, que conecta plenamente co modelo de turismo que queremos proxectar ao mundo: máis respectuoso, máis auténtico e comprometido coa súa xente e co seu paisaxe”.
Blanco puxo en valor “o esforzo e o compromiso firme do Goberno para acadar este fito histórico” e mostrou a súa confianza en que “moi pronto” a Ribeira Sacra obteña o recoñecemento como Patrimonio Mundial, froito do traballo conxunto entre todas as administracións e axentes implicados.
Ademais, o delegado insistiu na “importancia da colaboración institucional entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia, as administracións locais e os axentes sociais das provincias de Lugo e Ourense”, que considera “a base imprescindible para presentar unha candidatura sólida, rigorosa e capaz de facerse realidade”.
Por último, lembrou que o Goberno investiu máis de 230 millóns de euros en Galicia nos últimos anos para “reforzar un modelo turístico sostible e converter á comunidade nun motor de oportunidades, emprego e cohesión social”, en liña cos valores que representa a candidatura da Ribeira Sacra.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tamén puxo de manifesto que a Xunta afronta “con optimismo e confianza” a recta final desta candidatura, e amosouse “máis que satisfeito” co realizado ata o momento polos técnicos do Goberno galego e o Ministerio de Cultura.
Campos avanzou os últimos pasos para chegar “coas máximas garantías e a mellor estratexia posible” á avaliación final de xullo deste mesmo ano, e asegurou que o Goberno galego cumpriu “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos e segue a facelo con últimos procedementos”, en referencia aos previstos para este semestre.
“Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, asegura Campos, que lembrou que o pasado mes de novembro unha delegación da Xunta e do Ministerio de Cultura entrevistouse en París cun comité de expertos da Unesco de cara a ampliar e aclarar cuestións do expediente presentado. Cuestións que, segundo adiantou, serán presentadas antes do 27 de febreiro.
Ademais, o conselleiro avanzou que mañá mesmo se reunirá co ministro de ministro de Cultura, Ernest Urtasun, co obxecto de abordar o estado da candidatura e establecer unha folla de ruta conxunta para os vindeiros meses. Así mesmo, tamén está prevista celebrar unha xuntanza en febreiro co subdirector da Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo internacional, Miquel Iceta.
A candidatura abrangue un territorio composto por 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense e posúen, segundo destacou Campos, “un valor universal e excepcional”. Por iso, asevera, a Xunta afronta “coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”.
A proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.