A Ribeira Sacra converterase no epicentro enogastronómico de Galicia co IV Campionato de Tapas e Pinchos

A Ribeira Sacra converterase no epicentro enogastronómico de Galicia co IV Campionato de Tapas e Pinchos. Cerca de medio cento de cociñeiros e cociñeiras de toda Galicia participarán nesta edición, que se celebrará os días 20 e 21 de outubro no Mosteiro de San Pedro de Rocas, amosando a súa creatividade e elaborando tapas e pinchos con produtos autóctonos. Unha das novidades desta edición é a categoría “Tapa Gluten Free”, que busca fomentar a inclusión ofrecendo propostas aptas para persoas celíacas sen renunciar ao sabor.
O evento foi presentado hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa participación de representantes do Inorde, do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, de “Cociña Ourense” e da Academia da Tapa e do Pintxo de España, entidade organizadora xunto coa Deputación de Ourense.
Segundo explicaron os organizadores, a iniciativa busca dar visibilidade á Ribeira Sacra nun momento clave, xa que o territorio aspira a ser declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, e destacar un dos seus principais atractivos turísticos: a enogastronomía local. Ademais, o campionato pon en valor os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, recoñecidos pola súa singularidade e calidade.
Os organizadores subliñaron que o evento non só promove a gastronomía, senón que tamén serve para dar a coñecer a riqueza cultural e paisaxística da provincia de Ourense, converténdoa, durante dous días, no punto de encontro da innovación culinaria galega.