A Ribeira Sacra atraeu un 70% de novos visitantes en 2020

RibeiraSacraXa
Son datos das enquisas de valoración realizadas ás persoas que participaron nas rutas fluviais que organiza a Deputación Provincial
ribeira sacra
27 Feb 2021

A Ribeira Sacra estase a consolidar, cada vez con máis forza, como un destino turístico demandado polos 'novos viaxeiros'. Así o confirma a Deputación de Lugo, tendo en conta que "máis do 70%" das persoas que o ano pasado gozaron das rutas en catamarán polos cañóns do Miño e o Sil visitaban por primeira vez a comarca.

A Deputación manexa estes datos grazas ás enquisas de valoración realizadas ás persoas que participaron en 2020 nalgunha desas rutas fluviais que a institución organiza na Ribeira Sacra. Detrás do aumento de novos visitantes, sitúan as campañas de promoción que potencian a marca Ribeira Sacra e tamén o impulso da candidatura a Patrimonio da Humanidade e a Reserva da Biosfera.

En canto á procedencia deses novos viaxeiros, máis do 66% chegaron desde outras comunidades autónomas, o 33% eran galegos e soamente o 1% procedía de países estranxeiros. Estes datos explicaríanse pola situación que provocou a pandemia, xa que as restricións impostas polas autoridades sanitarias "promoveron máis o turismo nacional" e os desprazamentos dentro da propia autonomía, mentras que o número de turistas procedentes doutros países "foi case insignificante", confirman desde a Deputación.

0.19199085235596