A Ribeira Sacra acollerá en novembro o encontro Ultreia

O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, será o escenario do encontro Ultreia Galicia, que se celebrará os días 27 e 28 de novembro. O evento, organizado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, reunirá 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor, tanto galego como doutros puntos de España e do estranxeiro.
O foro enmárcase no recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, xunto con Mazovia (Polonia) e Krapina Zagorje (Croacia), e ten como obxectivo conectar o emprendemento local co ecosistema internacional, poñendo en valor o potencial do territorio como xerador de innovación e desenvolvemento sostible.
A través de dúas xornadas de actividades, Ultreia Galicia combinará visitas ao territorio da Ribeira Sacra con mesas redondas, entrevistas e presentacións de alto nivel, que se desenvolverán arredor de tres eixos temáticos: o sector primario (agricultura, gandería e pesca), os recursos naturais e o comercio-turismo, co obxectivo de reforzar a identidade galega e a súa proxección como marca global.
Segundo destaca a Xunta, o encontro busca “amosar como a innovación pode xurdir do local e proxectarse ao mundo”, promovendo un modelo económico competitivo, sostible e conectado co territorio. Forma parte da folla de ruta autonómica a favor do emprendemento rural, que inclúe iniciativas como a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego ou o proxecto Fixar, centrado na creación de espazos de coliving e coworking no rural galego.
Durante o congreso presentaranse casos de éxito e fomentaranse novas redes de colaboración, oportunidades de investimento e vías de cooperación internacional vinculadas ao emprendemento territorial.
As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición de xeito gratuíto na páxina web www.ultreiagalicia.com