A Ribeira Sacra acollerá as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia do 3 ao 5 de xuño
A Ribeira Sacra será do 3 ao 5 de xuño o escenario das actividades que se desenvolverán dentro da campaña promocional das 11ª Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia. O calendario e os detalles destas actividades, organizadas pola administración autonómica ao longo de cinco fins de semana de maio e xuño, foron presentados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias nun acto celebrado en Lugo.
Como en anos anteriores, haberá visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes, con recomendación de confirmar por teléfono a asistencia coa bodega correspondente por motivos de aforo. Tamén se porá en marcha o Bus do Viño, organizaranse rutas, obradoiros infantís relacionados co mundo do viño e ofreceranse menús en restaurantes.
Na páxina de Facebook de Turismo de Galicia realizaranse tres concursos por cada Ruta do Viño, nos que se sortearán noites de aloxamento para dúas persoas en cuarto dobre nun dos establecementos asociados participantes máis o xantar do día seguinte nun restaurante socio da Ruta.
TURISMO EN AUXE
O delegado salientou que “o turismo ligado ao mundo do viño está en auxe na nosa Comunidade e a Xunta quere contribuír a seguir consolidando esa tendencia, que ademais constitúe un elemento moi importante para atraer visitantes fóra da tempada alta”.
Toda a información está dispoñible na páxina web rutasviñosgalicia.gal. As demais Rutas dos Viños de Galicia con Denominación de Orixe serán no Ribeiro (do 13 ao 15 de maio), Rías Baixas (do 20 ao 22 de maio), Valdeorras (do 27 ao 29 de maio) e Monterrei (do 10 ao 12 de xuño).