A regata Golden River Race iníciase o 25 de xuño en Augasmestas
Augasmestas acollerá o 25 de xuño a saída da primeira regata Golden River Race. Trátase da regata de piragüas que pretende ter a distancia máis longa do mundo (310 km) dende Ponferrada ata a desembocadura do río Miño na Guardia, superando a Regata Internacional de Río Negro en Arxentina, que ten o récord de lonxitude.
A regata que foi presentada oficialmente en Castrelo do Miño, nun acto ao que acudía o concelleiro de deportes, Andrés Nova, sairá de Augasmestas o día 25 de xuño ás 9:30 (canoas) e ás 10:00 (kayak).
Nesta primeira edición recortaríanse o primeiro e o último tramo polo que a regata iniciaríase en Augasmestas. O 24 de xuño iniciarase o evento con adestramentos oficiais e recepcións. Entre o 25 e o 27 desenvolveranse as tres etapas desta edición que foron bautizadas co nome da denominación de orixe dos seus viños. A primeira e máis longa, Ribeira Sacra Race, entre Augasmestas e Os Peares (50 km); a segunda, a Ribeiro Race, de Ourense a Castrelo de Miño (30 km); e a última, a Rías Baixas Race, entre Crecente e Salvaterra (30 km).
Os organizadores desta proba que está incluída nos actos oficiais do Xacobeo da Xunta de Galicia, espera reunir, segundo o seu promotor, Manuel Seoane, aos mellores especialistas mundiais.
Iván Alonso, dúas veces campión do mundo e cinco de Europa, encargarase da coordinación técnica. A proba nesta primeira edición desenvolverase exclusivamente na súa categoría élite, tanto masculinas como femininas.