A Rede de Xuderías de Monforte realizará distintas actividades para promocionar Monforte

RibeiraSacraXa
A Rede de Xuderías de Monforte realizará distintas actividades para promocionar Monforte
RED JUDERIAS
24 Xan 2023

Neste ano, adquiren relevancia para a cidade os actos organizados pola Rede de Xuderías xa que Monforte ostenta a Capitalidade da Rede durante o ano 2023 con José Tomé como presidente.

Dentro das actividades de promoción da Rede, unha das máis relevantes é a presentación dun novo Portal Turístico traducido a tres idiomas: castelán, portugués e inglés que está orientado a buscar a difusión internacional.

Tal e como afirma Tomé "constitúe unha plataforma de gran utilidade para continuar a colaborar con outros países de ámbito internacional cos que xa temos relación na actualidade, e especialmente con Portugal que parece ter interese por crear a súa propia rede de cidades e pobos que tiveran presencia sefardí".

José Tomé tamén recalcou a importancia que ten para Monforte formar parte desta Rede "de cidades tan diferentes en tamaño, costumes e cultura que están distribuídas por todo o territorio nacional e que supoñen para Monforte unha oportunidade de darse a coñecer e poñerse en valor coas actividades conxuntas da Rede".

As actividades de promoción de Monforte completáronse cos eventos realizados polo Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra e pola Asociación do Camiño de Inverno.

O Consorcio exhibíase como escaparate turístico de calidade en Fitur coa presentación de 'Manual de boas prácticas para visitantes', unha nova líena de actuación na defensa da conservación do Patrimonio histórico-artístico da Ribeira Sacra e tal e como afirma José Tomé "da defensa da singularidade dos espazos naturais que foron determinantes para a súa declaración como Reserva da Biosfera", que "constitúen un legado cultural vivo que se completa coa riqueza patrimonial e cultural que o transforman nun conxunto de características únicas".

A Asociación do Camiño de Inverno adquiría protagonismo na intensa xornada de promoción turística, coa presentación de 'Proxectos paso a paso', un novo plan de divulgación do Patrimonio paisaxístico que se pode descubrir ó facer esta ruta xacobea na que se integran a Ribeira Sacra e Monforte.

Tal e como subraiou José Tomé "o estudo e divulgación do Camiño de Inverno, constitúe unha oportunidade única de poñer en valor os recursos históricos e culturais da cidade e unha nova plataforma para dar a coñecer ó mundo enteiro o conxunto histórico de Monforte".

As intensas xornadas de traballo que se desenvolveron en Madrid perseguen tal e como explicou Tomé "ofertar Monforte e A Ribeira Sacra nunha plataforma turística das máis importantes a nivel internacional, como un destino turístico único capaz de conquistar os corazóns dos nosos visitantes, que como xa temos comprobado, vanse gratamente sorprendidos cando nos descobren".

0.14993619918823