A recollida da uva deste ano foi a máis numerosa do último decenio
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos puxo de relevo a boa evolución do sector vitivinícola galego tras a emerxencia sanitaria por mor da covid-19. Así o destacou na súa intervención na comisión 7ª do Parlamento galego, na que celebrou a abondosa colleita deste ano. Con 73.620.544 quilos de uva de boa calidade recollidos, foi a máis numerosa do último decenio e a segunda máis cuantiosa da historia, despois da de 2011.
Na liña deses bos resultados, segundo o director, apenas se presentaron solicitudes para acceder ao préstamo vendima habilitado pola Xunta para que as adegas galegas puidesen mercar a totalidade da uva en condicións normais de mercado. En concreto, houbo tan só 25 solicitudes para 3,1 millóns de euros. Trátase, lembrou, dunha liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola covid-19, a cal mobilizou uns 60 millóns de euros entre 2020 e 2021.
No marco da colleita deste ano, o director quixo lembrar tamén o traballo realizado para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe galegas. Neste senso, destacou os labores de control levados a cabo polos distintos consellos reguladores co fin de evitar posibles situacións fraudulentas.
Así mesmo, José Luis Cabarcos referiuse ás facilidades impulsadas este 2021 para simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación cos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais. A medida prevé beneficiar os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas, comezando polos 5.000 de Rías Baixas grazas ao proxecto piloto implementado con esta denominación para testar este ano o software que facilita a tramitación.
Na súa intervención, José Luis Cabarcos tamén aludiu á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia implementada pola Xunta coa colaboración da Fundación Juana de Vega, co fin de conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable. Persegue, ademais, aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola.
Así mesmo, aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que presenta -segundo dixo- amplas posibilidades de posta en valor de viñedos e de ampliación da superficie que ocupa na comunidade este tipo de cultivo, unha potencialidade que xa se ten demostrado -apuntou- ao abeiro da Manifestación de interese de proxectos autonómicos da Consellería do Medio Rural.
Por último, sinalou diversos investimentos no sector por parte da Xunta como os máis de oito millóns de euros destinados a programas de reconversión e reestruturación do viñedo dende o 2018, os preto de 7,7 millóns de euros consignados para poder mobilizar un investimento privado de case 21 millóns de euros dirixido a modernizar o sector industrial, os case 3,4 millóns para reforzar a promoción e internacionalización mediante as axudas para a promoción do viño en terceiros países e os máis de seis millóns para apoiar as funcións dos consellos reguladores.
Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asegurou que este ano non se detectou ningún caso de banda marrón nas mostras recollidas en ata 23 puntos situados en concellos que presentaban síntomas de defoliación por enfermidades fúnxicas, tras seren analizadas no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia. Así, o principal patóxeno detectado con estes efectos foi -segundo dixo- a banda vermella.
Ao tempo, resaltou que a Xunta destinou máis de 322.000 euros neste 2021 a combater este tipo de doenzas nas masas de piñeirais de xestión privada nos montes de Lugo, onde se atopan maioritariamente as masas de Pinus radiata. Así mesmo, tras os ensaios feitos por persoal técnico da Consellería do Medio Rural investíronse máis de 270.000 euros na realización de traballos silvícolas e tratamentos en montes de xestión pública con ataque de fungos. A todo isto hai que sumar, segundo José Luis Chan, as 1.765,6 hectáreas nas que actuou a Fundación Arume na provincia de Lugo. Unha fundación coa que, lembrou, a Xunta ten asinado un convenio para a mellora xenética do piñeiro, no marco dos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040.
Nesta liña, o director xeral puxo de relevo que as ordes anuais de silvicultura da Consellería do Medio Rural son unha ferramenta fundamental para a loita contra os fungos criptogámicos que afectan os piñeiros, ao aumentar a aireación da masa e diminuír a humidade no seu interior impedindo o crecemento destes patóxenos.