A proposta educativa “Benvidos ao galego” leva a experiencia dun neofalante aos colexios do Xeoparque Montañas do Courel

O Departamento de Normalización Lingüística, impulsado polo Concello de Quiroga e organizado en colaboración cos Concellos de Ribas de Sil e Folgoso do Courel, presenta unha nova iniciativa educativa: “Benvidos ao galego”.
Trátase de charlas-coloquio co neofalante da comarca de Quiroga, Rubén Gutiérrez “Peitoescuro”, cantautor e enxeñeiro agrícola madrileño asentado no lugar das Covas. O obxectivo destas sesións é achegar aos alumnos dos centros educativos do Xeoparque Montañas do Courel a experiencia dun falante que adopta o galego como lingua de vida e traballo, promovendo o uso e a valoración da lingua galega entre a mocidade.
As primeiras sesións desenvolveranse o luns 22 de setembro, ás 10:30 horas para o alumnado do CEIP de San Clodio e ás 15:30 horas para o alumnado do CEIP de Quiroga. Xa o 1 de outubro, as charlas terán lugar ás 10:00 no CPI Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel e ás 12:50 no Instituto de Educación Secundaria de Quiroga.
Esta actividade conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e pretende reforzar o compromiso coa difusión da lingua galega nos centros educativos da comarca.