A programación de Nadal de Monforte inclúe concursos, teatro e desfiles
Un ano máis, a pandemia do Coronavirus impide a celebración dalgunhas das actividades que o Concello de Monforte levaba a cabo nestas datas. Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca sinala que “a incidencia da sexta ola da Covid-19 segue a condicionar o normal desenvolvemento de actividades, e obrigounos a cancelar un sinfin de actividades ó longo de todo este ano, e neste senso, a programación de Nadal que ano a ano deseñaba o Concello, tamén se veu afectada”.
Algunhas desas actividades que non se van levar a cabo son o Mercado de Nadas, os contacontos, os obradoiros para nenos e adultos ou o scalextric.
A programación do Nadal deste ano contará con actividades para os máis pequenos da casa entre as que se encontran o certame de poesía infantil da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro que permanecerá aberto ata o 23 de decembro.
Na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro montarase un Belén na sala de exposicións, a montaxe estará a cargo de J. Antonio Davila. A escena permanecerá dende o 22 de decembro de 2021 ao 10 de xaneiro de 2022.
Por outra banda, a Asociación Albores é a encargada da decoración navideña do vestíbulo da Casa do Concello, algo que xa se volveu tradición.
Outras actividades que se levarán a cabo nestas datas de Nadal en Monforte serán o Concurso de Beléns para os centros educativos de Monforte, o concerto da Sociedad Filarmónica de Monforte o martes 21 de decembro, ás 20:30 horas no Multiusos. O Concerto Nadal 2021 da Coral Polifónica de Monforte o mércores, 22 de decembro, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.
Ademais, o Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados-Praza de Abastos durante a mañá do xoves, 24 de decembro. E, dentro do Ciclo de Teatro Profesional o grupo Teatro Marionetas Trécola representará o 28 de decembro ás 18:00 no Edificio Multiusos a obra A Saga de Flin Havardr. Esta representación dirixida a un público infantil e familiar tamén será de entrada gratuíta.
Unha das actividades máis importantes no Nadal é a Cabalgata de Reis que nesta ocasión será o mércores 5 de xaneiro. Os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17:00 horas. O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18:00 horas dende a Praza da Estación ata chegar ó Concello, á praza Campo de San Antonio. Un pouco máis tarde, As Súas Maxestades lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial.