A primeira xornada da Comunidade de Turismo Sostible que tivo lugar en Chantada "foi todo un éxito"
A primeira xornada da Comunidade de Turismo Sostible 'A profesionalización do turismo. Sinerxías e diálogos para o futuro do sector' que tivo lugar no Auditorio de Chantada, dentro do programa de Comunidades Rurais cofinanciado por Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE, foi "todo un éxito", segundo os organizadores.
Iniciou a xornada a xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Alexandra Seara Sobrino, quen expuxo os desafíos, retos e potencialidades de todo o territorio, enfocándose nos proxectos sostibles que se están levando a cabo dende o Consorcio. Destacou o enfoque cara a competitividade do sector apostando pola certificación Q de Calidade Turística, así como polos manuais de boas prácticas realizados, e a constante aposta polos ciclos formativos e titorías específicas para que as persoas emprendedoras do sector poidan verse acompañadas en todo o proceso de implantación, mellora e/ou potenciación dos seus negocios.
Búscase validar o territorio cun plan de sostibilidade que agrupe a todos os sectores da zona: agrogandeiro, paisaxístico, cultural, etc., ampliando e fomentando unha oferta de restauración de calidade e servizo excelente. Apóstase pola xeración de experiencias e espazos que chamen a atención e interese do/a visitante, facéndoo/a disfrutar deste territorio máxico.
Realizáronse dinámicas participativas con todas as persoas asistentes para detectar os desafíos e oportunidades da zona, así como as actuacións necesarias que deberán realizarse por parte das empresas, cidadanía e Administracións públicas. Mantívose un debate activo sobre todas as posibilidades presentadas, pechando a xornada cun compromiso de continuidade para ir afondando sobre as necesidades e actividades a desenvolver en futuras xuntanzas.
As impulsoras do evento séntense satisfeitas pola alta participación das persoas asistentes así como do entusiasmo manifestado por empoderar e potenciar o turismo sostible das comarcas. Na primeira quincena de xuño está prevista unha próxima reunión onde se analizarán con máis detalle os puntos que xurdiron das dinámicas para avanzar na creación e fixación de emprego de calidade na zona.