A primeira proba do Campionato de España de Enduro celébrase esta fin de semana en Pantón

Os días 15 e 16 de marzo o Concello de Pantón acolle a celebración da primeira proba do nacional de enduro do Campionato de España que organiza MotoClub A Peroxa coa colaboración do Concello de Pantón e outras entidades. Na presentación do acto estiveron presentes Javier Quintas do Motoclub A Peroxa; José Luis Álvarez, alcalde de Pantón; Cristina Domínguez, concelleira de Deportes de Pantón; o xefe do servizo provincial de Deportes de Lugo, Manuel Otero; e representantes do monte veciñal de Eiré e da adega Finca Míllara por onde discorren os circuítos.
Pantón acolle a primeira proba do nacional de enduro coa inscrición máis numerosa da última década, máis de 150 corredores inscritos, “dáse un incremento de participación polo número de galegos que dan o paso a meterse no Campionato de España, case 30, a primeira vez que hai tantos galegos correndo no nacional. Temos ademais unha ducia de habituais do Campionato do Mundo, dos que 3 ou 4 fan podio, polo que estarán os mellores pilotos da especialidade”, destaca Javier Quintas.
O sábado, 15 de marzo, a saída desde a Praza do Concello terá lugar ás 10.00h para facer os circuítos Monte de Eiré, Ferreiroá e Monte Baliño. O domingo a saída será ás 9:00h e nas dúas xornadas as 17.00 horas será a hora aproximada de entrega de premios.
Os itinerarios faranse 4 veces, é dicir, os corredores darán 4 voltas. Os circuítos están pensados para que sexan fáciles de ver, cun desprazamento de 600 metros poderán ver dúas das tres especiais no Pazo de Ferreiroá e na contorna do Colexio Monte Baliño, “É unha proba pensada para que a xente o teña fácil para seguir. Coa organización traballouse en dous especiais pegados á capitalidade, o Pazo de Ferreiroá e a contorna do colexio Monte Baliño”, explica o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que anima á participación da xente e desexa poder seguir contando no futuro con esta celebración que atrae cada ano a Pantón a centos de visitantes.
A terceira especial terá lugar na área da comunidade de montes de Eiré, no alto de Guítara, “a mellor especial do Campionato de España, é un espectáculo”, aseguran desde a organización, “un espazo ideal para andar en moto e gozar das paisaxes de monte autóctono e dos camiños á beira do Miño”.
“Están deseñadas unhas especiais guapísimas para ver, visualizaranse con moita facilidade pola súa amplitude, desde Ferreiroá vese moito trazado. Ademais os trazados están pegados ao asfalto polo que son moi fáciles para ver e para trasladarse dun a outro. Será un espectáculo Pantón esta fin de semana”, afirma Quintas.
Manuel Otero concluiría, “Gustaríame pedirlle a todos os afeccionados que se despracen a Pantón que vaian a desfrutar do deporte, neste caso do enduro, e por suposto tamén da gastronomía, o patrimonio e a cultura da Ribeira Sacra, unha forma de dinamizar económicamente toda esta zona. Na provincia estase apostando por este tipo de deportes, posiblemente pola imaxe do lucense Jorge Prado no motociclismo mundial. Este complemento desta proba no sur de Lugo é esencial para seguir promocionando o motociclismo.”