A primeira edición do Mercado de Nadal de Quiroga dinamiza o comercio local e a artesanía

RibeiraSacraXa
Con esta primeira edición, Quiroga posicionase como un referente na promoción do comercio local e a artesanía
Mercado-de-Nadal-de-Quiroga-2024
30 Dec 2024

Esta fin de semana, a Praza de España de Quiroga converteuse no epicentro da artesanía e do comercio local coa celebración da primeira edición do Mercado de Nadal, impulsado polo Concello co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo, que destinou 5.000 euros para a súa realización.

O evento, inaugurado polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, xunto co equipo de goberno local, reuniu 13 postos de venda que ofrecen unha variada selección de produtos artesanais, roupa, libros, viños, licores e especialidades locais como mel e filloas. Entre os participantes destacan negocios como Nadira, Etna, Xobel, Libraría Celia, Adega EDV, Aruba, Eryn, Aramel, Silvia, Caurelor, Riomao Estudio Creativo, Trapalladas Artesanía e Armaior.

A programación do mercado incluíu actividades para todas as idades, con obradoiros de pintura decorativa e elaboración de pulseiras de coiro, a visita do Apalpador, e a animación musical da charanga tradicional Benofan. Estes elementos buscan fomentar a participación cidadá, dinamizar o comercio local e promover o sector artesanal da rexión.

Con esta primeira edición, que conta tamén coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque, Quiroga posicionase como un referente na promoción do comercio local e a artesanía, consolidando unha proposta que busca revalorizar os produtos de proximidade e fortalecer o tecido económico da comarca.

0.17019486427307