A primeira edición do Festival dos Colados chega a Bolmente este sábado

RibeiraSacraXa
A xornada, centrada na cultura do viño, está organizada pola Asociación para o Emprendemento Sostible na Ribeira Sacra e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
festival-colados
11 Jul 2025

A axenda de festivais da Ribeira Sacra suma unha nova cita este verán coa primeira edición do Festival dos Colados, que se celebrará o vindeiro sábado 12 de xullo na parroquia de Bolmente, en Sober. A xornada, centrada na cultura do viño, está organizada pola Asociación para o Emprendemento Sostible na Ribeira Sacra e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O festival comezará ás 11:00 horas e combinará música, actividades culturais e ocio para todos os públicos. Sobre o escenario poderanse desfrutar as actuacións de Os Parentes, 7 Rojo, Deloreans, Ministreles e Gaitukada Aikirido, que porán banda sonora a un programa pensado para poñer en valor a tradición vitivinícola da zona.

A cita incluirá exposicións, catas comentadas e roteiros pola contorna, ademais de actividades específicas para os máis pequenos, como as actuacións do Mago Iago e Anxo Moure, obradoiros e xogos tradicionais.

Con esta nova proposta, a entidade organizadora reforza a súa programación anual para dinamizar a Ribeira Sacra e divulgar a súa riqueza cultural e paisaxística, sumando apoios como o da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.071786880493164