A 'Primavera Musical' de Sober acollerá a actuación de Berteau Ensemble
As Xuventudes Musicais traen a Sober a actuación de ‘Berteau Ensemble’, grupo formado por Pablo Pérez, Martín Egidi e Irene González; no marco da ‘Primavera Musical’ e coa colaboración do Concello de Sober.
A actuación será o sábado día 29 ás 20.00 horas no Centro Sociocultural de Sober e durante a mesma interpretarán ‘En Bologna e en París’, un programa que xira en torno ao Violoncelo a finais do século XVII e durante todo o século XVIII.
Berteau Ensemble xorde dunha paixón compartida pola música antiga e a interpretación histórica. Martin Egidi, violoncello (Lausana, Suíza), Irene González Roldán, clave (Sevilla) e Pablo Pérez, violoncello (Madrid) coñécense na Schola Cantorum Basiliensis, prestixiosa institución educativa de música antiga en Suíza, onde colaboran habitualmente en diferentes formacións.
En Basilea cursan estudos de posgraduado na clase de grandes mestres como Christophe Coin e Andrea Marcon. Ao mesmo tempo, están a construír unha prometedora e versátil carreira como solistas, músicos de cámara, de orquestra e pedagogos. Son unha das xeracións mellor formadas e máis capacitadas que se van abrindo paso no panorama nacional e internacional.