A poeta Olga Novo dará unha charla sobre a represión franquista contra a arte na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Será este próximo venres na na Casa da Cultura
olga-novo
4 Nov 2025

A Pobra do Brollón acollerá este venres, 7 de novembro, unha charla da poeta e escritora Olga Novo centrada na represión franquista contra a arte, tomando como punto de partida os Diarios de Syra Alonso, recentemente reeditados por Alvarellos Editora.

Baixo o título ‘A represión contra a arte. Asasinato do pintor Francisco Miguel a través dos Diarios de Syra Alonso’, a conferencia terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura Olga Novo. O acto está organizado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, e será presentado por Carmen García-Rodeja, voceira da ARMH.

Os Diarios (1935 e 1946) de Syra Alonso (A Coruña, 1899 – México, 1970) relatan o terror vivido durante a Guerra Civil e o sufrimento da autora tras o asasinato do seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897 – Carballo, 1936), unha das figuras destacadas da arte galega da época.

Francisco Miguel foi detido polos sublevados o 3 de agosto de 1936 e asasinado vinte e seis días despois, xunto con Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, en Carballo. Os seus restos foron identificados en setembro de 2023 tras seren exhumados pola ARMH.

A obra de Syra Alonso, escrita dende o exilio, constitúe un testemuño fundamental sobre a represión e a perda cultural provocadas pola ditadura franquista, e será o fío condutor deste encontro que une literatura, memoria e arte.

⚙ Configurar cookies
0.080552101135254