A poeta Ana Vila de Taboada, protagonista da exposición fotográfica sobre mulleres rurais 'Atlánticas'
Ana Vila Portomeñe, veciña de Taboada e muller rural, participou da exposición fotográfica 'Atlánticas', de Adrián Baúlde Trigo, que foi exposta e inaugurada na tarde de onte no Museo do Pobo Galego de Santiago, cita na que tamén recitou un dos seus poemas.
Nesta exposición, o fotógrafo quixo expoñer, a través de retratos de 42 mulleres rurais, tanto da zona preto do mar como do interior de Galicia, os traballos das mulleres e a súa forma de traballar. Así, Ana Vila sostén que lle fai "moita ilusión porque é unha forma de amosar e visibilizar a Galicia profunda, as aldeas e a forma de traballar das mulleres do mar e do rural, é un orgullo representar o traballo das mulleres rurais e saír cunha galleta".
A poeta e muller rural de Taboada defende que Adrián se puxo en contacto con ela porque lle "chamou a atención que me atrevera a publicar vídeos do que facía nas redes sociais, traballando coas vacas" e ela aceptou, xa que lle parecía interesante visibilizar a muller no rural con "oficios que se están perdendo".
Ademais de Ana Vila, nesta exposición fotográfica, que se manterá ata o vindeiro 5 de novembro no Museo do Pobo Galego e que se pode visitar, tamén se atopa Esther Teijeiro, de Chantada, unha cesteira de Portomarín e mulleres rurais que traballan no mar.