A Pobra do Brollón, Taboada e Sober acollerán xuntanzas dirixidas ás comunidades de montes
As Comunidades de Aprendizaxe ‘Montes de Saberes’ van desenvolver diferentes xuntanzas nas comarcas de Terras de Lemos e Chantada no marco do proxecto ‘Comunidades de Aprendizaxe Rurais Sostibles de Galicia’, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE.
Nelas, debaterase e realizarase unha folla de ruta para que as Comunidades de montes da zona teñan unha referencia de funcionabilidade e potenciación dos seus recursos e, desta forma, axudar ao posicionamento e fixación da poboación, persoas emprendedoras e empresas no territorio.
A primeira será na Pobra do Brollón o vindeiro martes, 21 de maio, de 18.00 a 20.00 horas; mentres que Taboada acollerá a súa o vindeiro 28 de maio no mesmo horario, e en Sober será o 4 de xuño.
Está convidada toda a cidadanía e persoas especialistas que queiran compartir os seus coñecementos, experiencia e ganas de realizar actuacións dentro dunha Comunidade de montes.
Este proxecto vai realizar varias xuntanzas participativas nas que poder mostrar a diversidade de opcións e viabilidade económica das mesmas. Para iso, en cada xuntanza convidarase a asesorías e consultoras forestais, casos de éxito e funcionabilidades posibles do monte común.