A Pobra do Brollón prepárase para unha nova edición do festival As Cores do Outono

RibeiraSacraXa
Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre encherán de música este sábado a área recreativa de Samugueiros
presentacion-festival-as-cores-do-outono-pobra-do-brollon
23 Sep 2025

Este sábado 27 de setembro, a Pobra do Brollón acollerá a undécima edición do festival As Cores do Outono, unha cita que combina música, baile e tradición para celebrar a chegada do outono. O evento está organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio económico da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O programa arrancará ás 21:00 horas na área recreativa de Samugueiros coas actuacións de Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Xabier Díaz presentará o seu novo disco ‘Axúdame a sentir’, un proxecto inspirado na súa avoa Obdulia e que combina tradición e contemporaneidade. No escenario, acompañarano as Adufeiras do Salitre, xunto a Roberto Grandal (acordeón) e Iván Costa (zanfona).

Os grupos Carmela e Lideira, máis pequenos en número de integrantes, ofrecerán propostas igual de intensas. Carmela combina tradición oral galega con percusións, electrónica e saxofón, liderado por Carme López, Camille Hedouin e Sara Méndez. Lideira, formada por Sara Méndez, Gabi Reboredo e Lois Prado, mestura instrumentos de vento, percusións e voz para crear pezas bailables inspiradas na música tradicional.

Antes dos concertos, ás 18:30 horas, haberá un obradoiro de baile tradicional para todos os niveis, impartido por Gabi Reboredo. As persoas interesadas deben inscribirse previamente por WhatsApp no 650 624 828.

Como aperitivo do festival, o venres 26 de setembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, a etnomusicóloga Xulia Feixoo presentará o seu libro-CD ‘Concha do Canizo. Este pandeiro que toco…’, no que aborda a tradición do pandeiro na Terra das Frieiras e a influencia dunha das grandes escolas de tocadoras de Galicia.

O festival contará tamén con barra, postos de comida, produtos locais e artesanía, converténdose nunha xornada de música, cultura e tradición para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.10295510292053