A Pobra do Brollón prepárase para a cuarta edición do Trail e Andaina Capela do San Vitoiro

A Pobra do Brollón converterase o vindeiro domingo 7 de setembro no epicentro do deporte de natureza coa celebración da cuarta edición do Trail e Andaina Capela do San Vitoiro, unha cita xa consolidada no calendario deste municipio lucense. A competición terá a súa saída e meta na área recreativa de Samugueiros e alcanzará o seu punto máis alto no miradoiro Pena do Santo, situado a carón da emblemática capela.
O evento está organizado polo Concello coa colaboración duns trinta voluntarios e presenta varias modalidades. O Trail longo abrangue 28 quilómetros cun desnivel positivo de 1.100 metros e un acumulado de 2.200, mentres que o minitrail ofrece un percorrido de 14 quilómetros e 450 metros de desnivel positivo. Para quen prefira a andaina, de dificultade media-baixa, existe a opción de completar 14 quilómetros ou acurtar a 9.
Os participantes gozarán dun percorrido que discorre maioritariamente por sendeiros, cun 25% do traxecto sobre cortalumes no caso do Trail longo, cruzando tamén o río e ascendendo ata a capela do San Vitoiro. A saída será ás 9.30 horas para o Trail longo, ás 9.45 para a andaina e ás 10.15 para o minitrail. O percorrido contará con puntos de avituallamento e, ao rematar, ofreceranse petiscos na área recreativa, que dispón ademais dunha zona de baño.
A día de hoxe son preto de 200 os participantes xa inscritos, pero o prazo continúa aberto ata o domingo 31 de agosto a través da web www.cronotec.es. Entre os nomes destacados atópanse Uxía Fernández García, gañadora feminina do Trail longo o ano pasado e que busca repetir triunfo, así como Salvador Fernández Rico, segundo clasificado no minitrail na anterior edición.
Os tres primeiros de cada categoría, tanto masculina como feminina, recibirán trofeos, así como os mellores atletas da comarca de Lemos. A andaina non terá carácter competitivo, mais os inscritos poderán participar nun sorteo de agasallos que inclúe botellas de viño e estancias en casas de turismo rural. Desde a organización destacan a colaboración de 25 empresas e animan á veciñanza e visitantes a participar dunha xornada que combina deporte, natureza e convivencia.