A Pobra do Brollón pon en marcha un servizo gratuíto de recollida domiciliaria de residuos voluminosos

O Concello da Pobra do Brollón iniciará a mediados de agosto un servizo extraordinario e gratuíto de recollida domiciliaria de residuos voluminosos nas distintas parroquias do municipio.
As persoas interesadas poderán solicitar a recollida ata o vindeiro luns, 11 de agosto. Desde o Concello explican que se contactará posteriormente para comunicar a data e hora aproximada de recollida. Os residuos deberán depositarse na rúa o día indicado, xa que non se accederá ao interior das vivendas.
Entre os residuos admitidos inclúense mobles, colchóns, somieres, lavadoras, frigoríficos, cociñas, electrodomésticos en xeral, inodoros, lavabos, táboas e televisores. Non se recollerán materiais de construción, plásticos industriais, restos de vehículos, aceites, rodas, roupa, lixo orgánico, zapatos, pinturas nin outros elementos non autorizados.
O Concello solicita a colaboración cidadá para manter o municipio limpo e evitar o abandono de residuos en lugares non permitidos, lembrando que estas prácticas xeran un importante impacto ambiental, deterioran a paisaxe e contaminan o solo.