A Pobra do Brollón ofrecerá un programa de conciliación familiar durante todo o verán

O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha un programa de actividades estivais dirixido a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante os meses de verán. A iniciativa está destinada a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, con preferencia para o alumnado do CEIP da Pobra do Brollón e menores empadroados no municipio. No caso de quedar prazas vacantes, tamén poderán acceder aqueles con familiares directos residentes na localidade.
O campamento de verán desenvolverase entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, de luns a venres en horario de 8:00 a 18:00 horas, combinando actividades lúdicas, educativas e de convivencia. Ademais, o programa inclúe as 'Tardes Deportivas', que se celebrarán os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas, e sesións de apoio socioeducativo.
As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura Olga Novo. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa área de Servizos Sociais a través dos teléfonos 982 430 447 e 609 004 451, ou por correo electrónico en educacionfamiliar@concellodapobradobrollon.gal.
Estas actividades están financiadas pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade, no marco do Plan Corresponsables, unha iniciativa estatal que busca promover o equilibrio entre a vida persoal, familiar e laboral, con especial atención ás necesidades das familias con menores a cargo.