A Pobra do Brollón ofrece vivendas sociais en réxime de alugueiro

O Concello da Pobra do Brollón abre o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de adxudicación das tres vivendas sociais de titularidade municipal que quedaron dispoñibles na anterior convocatoria de 2024. Estas vivendas, situadas no edificio das antigas vivendas dos Mestres, ao carón do colexio da Pobra do Brollón, están dispoñibles en réxime de alugueiro. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 16 de marzo de 2025 no departamento de Servizos Sociais (Casa da Cultura ‘Olga Novo’, 1º andar), de luns a venres en horario de 09:00 a 11:00 horas.
Para acceder a estas vivendas, deben cumprirse certos requisitos, entre eles, ter ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM, de acordo co baremo establecido no punto 3.3; non posuír nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia unha vivenda en propiedade, salvo que non dispoña do seu uso e goce, nin do usufruto doutra vivenda en todo o territorio nacional, ou se se trata dunha vivenda inadecuada ou insuficiente; estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e demais ingresos procedentes da Tesouraría Municipal; e estar empadroado no Concello da Pobra do Brollón durante un período mínimo de tres anos previos á publicación deste prego. No caso de que quedasen vivendas vacantes, poderán acceder persoas non empadroadas no municipio. Ademais, será necesario acreditar, mediante un certificado expedido polo Ministerio de Xustiza, a carencia de delitos de natureza sexual, un requisito esencial debido á integración das vivendas dos Mestres no complexo educativo anexo.