A Pobra do Brollón lanza a segunda edición do concurso para elixir o cartel da XXXIII Feira do Viño de Vilachá

O Concello da Pobra do Brollón lanzou o 2º Concurso de Carteis da Feira do Viño de Vilachá co obxectivo de elixir a imaxe oficial da XXXIII edición da feira, que se celebrará o primeiro fin de semana de maio.
O certame busca “estimular a creatividade das persoas participantes”, e o cartel seleccionado será a peza principal en toda a comunicación da Feira do Viño. Os organizadores destacan que se valorará especialmente que os deseños reflictan o espírito da feira, que ten lugar no emblemático conxunto de adegas medievais da Abelaira.
A feira distínguese pola participación de adegas e viticultores das ribeiras de Vilachá, así como pola presenza musical, con actuacións de grupos de cantos de taberna que animan o fin de semana.
O prazo para presentar os deseños estará aberto ata o 3 de marzo e establécese un único premio de 200 euros. As bases completas do concurso poden consultarse na páxina web do Concello da Pobra do Brollón.