A Pobra do Brollón incorpora tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais

RibeiraSacraXa
A adquisición destes novos medios foi posible grazas a unha axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
a-pobra-do-broollon-novos-vehiculos
1 Jul 2025

O Concello da Pobra do Brollón conta con tres novos vehículos destinados á atención e ao servizo das zonas rurais, adquiridos co financiamento da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Trátase de dúas pick-up e un todocamiño que están xa a disposición do persoal municipal para desprazamentos e traballos relacionados coa atención de espazos públicos e bens municipais, así como coa prestación de servizos básicos como o alumeado público, o abastecemento de auga ou a recollida de lixo e de residuos.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, explicou que “un dos obxectivos principais do noso goberno é a mellora das condicións de vida no rural e, para iso, é fundamental que o persoal municipal dispoña no día a día dos medios necesarios para atender de forma áxil e eficaz o funcionamento dos servizos públicos”. O rexedor lembrou que “a colaboración é especialmente importante nun momento no que os concellos estamos infrafinanciados e temos dificultades para afrontar o custo dos servizos”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, lembrou “o esforzo orzamentario e de persoal que supón prestar estes servizos para concellos rurais como A Pobra do Brollón, con 22 parroquias e 118 núcleos de poboación e unha ampla rede de vías municipais e zonas verdes”, especialmente cando se ven na obriga de asumir competencias impropias que a Xunta descarga nas administracións locais sen dotar dos recursos necesarios, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar.

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación destinou 50.000 euros a este investimento, que reforza a colaboración que a entidade provincial mantén co Concello a través do Plan Deputación, cun investimento previsto de 291.333,69 euros neste 2025.

⚙ Configurar cookies
0.1642861366272