A Pobra do Brollón fai un chamamento á veciñanza para cumprir coa normativa de prevención de incendios forestais

O Concello da Pobra do Brollón fai un chamamento á veciñanza para lembrar a importancia de cumprir coas obrigas establecidas na Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia. O obxectivo é reforzar a seguridade e reducir o risco de incendios, especialmente durante os meses de maior perigo.
Desde o Concello incídese na necesidade de respectar as distancias das plantacións, manter o monte limpo e asumir a responsabilidade individual sobre o coidado das propiedades. Neste sentido, as persoas propietarias ou titulares de parcelas deberán realizar a xestión da biomasa correspondente e, se é preciso, retirar especies arbóreas antes de que remate o mes de maio de cada ano.
Así mesmo, establécese a obrigatoriedade de manter unha franxa de 50 metros libre de biomasa arredor do solo urbano, núcleos rurais e urbanizables, así como en torno a vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e instalacións industriais.
Nesa franxa de protección non poderán existir especies que favorezan a propagación do lume, como piñeiros, eucaliptos, mimosas, brecina, carqueixa, acacias, queirugas, fentos, toxos, xestas ou silvas, entre outras.
O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á execución subsidiaria por parte do Concello, sen prexuízo das sancións que correspondan por parte da administración competente. Ademais, os danos que poidan producirse en bens ou propiedades de terceiros no caso de incendios forestais serán responsabilidade das persoas propietarias das parcelas non limpas.
O Concello lembra tamén a importancia de actuar con rapidez ante calquera indicio de lume e recomenda chamar ao teléfono de emerxencias 085, unha liña gratuíta para dar aviso de incendios forestais.