A Pobra do Brollón emite un comunicado en relación ao convenio asinado con Agader
O Concello da Pobra do Brollón emite un comunicado en relación ao convenio asinado con Agader para a construción dun albergue.
O pasado 10 de xullo de 2020 asinouse un convenio oficial entre o Concello da Pobra do Brollón e Agader para a realización dun albergue. Mediante este convenio, o Concello comprometíase á adquisición do solar e edificio a rehabilitar e Agader aportaría unha achega económica de 182.137 euros que serían destinados á rehabilitación do edificio e conversión en albergue.
Ante este documento oficial e asinado, o Concello adquiriu o edificio sito na Rúa da Condesa na Pobra do Brollón e encargou a realización do proxecto por un valor total de 35.000 euros.
O Concello afirma que “con posterioridade a estes feitos, detectáronse irregularidades por parte de persoal de Agader na sinatura do convenio. A propia dirección de Agader abriu un procedemento interno para clarificar a xestión administrativa deste convenio e outros”.
Este procedemento interno desembocou na comunicación á Fiscalía e consecuente denuncia no Xulgado Decano de Santiago de Compostela onde o mesmo Concello comparece como acusación no proceso. Dando como resultado que o convenio asinado queda sen efecto ata a resolución xudicial.
Como conclusión o Concello insta a Agader a que ofreza unha solución sen maior demora para que ese edificio sexa finalmente rehabilitado e convertido en albergue, xa que isto suporá un gran desenvolvemento turístico do municipio e polo tanto unha mellora no tecido económico do mesmo.