A Pobra do Brollón deu comezo ao Entroido coa tradicional celebración do Xoves de Compadres

A Pobra do Brollón deu comezo ao Entroido coa tradicional celebración do Xoves de Compadres, que tivo lugar o xoves 5 de febreiro na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. A xornada estivo animada pola música da Escola Municipal de Música Samoeiro e acompañada de chocolate quente para os asistentes.
Este encontro repetirase o próximo xoves, Día de Comadres, mantendo a tradición. Para ambas celebracións, o Concello convocou un concurso que premiará as mellores figuras, tanto en categoría individual como colectiva. O prazo para inscribirse en Compadres rematou o propio xoves, mentres que para Comadres permanecerá aberto ata o 11 de febreiro.
A programación de Entroido continúa o sábado 14 coa celebración do desfile principal, onde comparsas, carrozas e disfraces percorrerán as rúas da capital municipal desde as 17:00 horas, saíndo do cruce da estrada de Saa e rematando na área recreativa de Samugueiros. A animación estará a cargo da charanga Os Sureños. Como en anos anteriores, tamén haberá concurso para os mellores disfraces, carrozas e comparsas, con inscricións abertas ata o 12 de febreiro na Biblioteca Municipal ou no teléfono 982 430 546.
Os premios tanto dos concursos do desfile como dos Compadres e Comadres entregaranse o mesmo día ao remate do desfile na área recreativa. As bases dos concursos están dispoñibles na páxina web do Concello.
No mesmo fin de semana, o Entroido de Salcedo tamén dará comezo o sábado 14 de febreiro, organizado pola Comisión de Festas e a Asociación Veciñal. A programación inicia ás 22:00 horas cunha función de teatro popular, seguida de concerto a cargo de Malenne e a actuación de Alma DJ.
O domingo 15, o grupo Brabán Gaiteiros ofrecerá un espectáculo ás 16:30 horas, seguido do pregón do antropólogo Rafa Quintía. Ás 17:30 saen as Madamas e Danzantes, acompañadas polos Disfraces de Campo. Pola noite, repetirase a función teatral e, a partir da medianoite, haberá verbena co Dúo Triada, Grupo Lume e Alma DJ.
O luns 16 terá lugar a saída do Oso de Salcedo, precedido polo Oso Pequeno ás 16:30 horas. Durante a tarde, celebrarase pasarrúas con charangas como Terras do Bibei, Mekanica Rolling Band e Duendeneta. Ás 21:00 horas, haberá cea popular con food trucks e, á medianoite, verbena coa orquestra Suavecito.
O Entroido en Salcedo rematará o martes 17 cunha cea popular ás 21:00 horas seguida dun baile coa orquestra Los Players. Ademais, celebrarase un sorteo de Aceites Abril. Toda a información actualízase no perfil de Instagram @entroidosalcedo, onde tamén se poden consultar as normas e recomendacións para gozar da festa con seguridade.