A Pobra do Brollón convoca o VIII Concurso de Compadres e Comadres e o Concurso de Disfraces para o Entroido 2026

O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha, un ano máis, os concursos de Entroido, que este ano inclúen o VIII Concurso de Compadres e Comadres, que se celebrará os xoves 5 e 12 de febreiro, e o Concurso de Disfraces, previsto para o sábado 14 de febreiro.
O Concurso de Compadres e Comadres está aberto a participantes individuais (ata 18 anos e maiores de 18) e colectivos, como asociacións ou comercios locais. Os interesados deben inscribirse na Biblioteca Municipal ou chamando ao 982 430 546, antes do 4 e 11 de febreiro, segundo a data do concurso. Os premios van dende os 50 euros para individuais ata 100 euros para colectivos. Os participantes que queiran formar parte da queima de figuras deberán reunirse diante do Concello ás 18:30 horas.
O Concurso de Disfraces terá lugar o sábado 14 de febreiro coa saída do desfile ás 17:00 horas desde o cruce da Avenida de Galicia coa Estrada de Saa, percorrendo as rúas principais da vila e finalizando na área recreativa Samugueiros. Para inscribirse, o prazo remata o 12 de febreiro. Os premios varían segundo as categorías e inclúen cantidades de até 175 euros para carrozas, comparsas grandes e pequenas, e disfraces individuais, con premios específicos para participantes locais e non locais.
O xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a montaxe, a elaboración, o humor e os materiais empregados. Ademais, as carrozas que participen no desfile e non resulten premiadas recibirán un accésit de 40 euros.