A Pobra do Brollón convoca o primeiro Concurso de carteis da Feira Guímara

O Concello da Pobra do Brollón convoca por primeira vez un concurso para elixir o cartel oficial da Feira Guímara, que celebrará a súa décima edición o 12 de xullo de 2025.
O concurso está aberto a toda a poboación maior de 18 anos, que poderán presentar os seus traballos ata o 16 de maio. A proposta gañadora recibirá un premio de 200 euros.
O concurso pretende estimular a creatividade das persoas participantes sendo o cartel unha peza moi visible en todas as accións de comunicación que se realicen para esta nova edición da Feira.
A Feira Guímara conmemora a revolta da veciñanza da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos en época medieval. Celébrase ao estilo dunha gran romaría no campo da feira, ao carón do río Rubín. Ademais da tradicional representación da batalla contra o Conde, a programación complétase ao longo da xornada con actuacións musicais, un mercado de produtos locais e xogos populares.