A Pobra do Brollón completa a adxudicación das vivendas municipais rehabilitadas

O Concello da Pobra do Brollón vén de pechar o proceso de adxudicación das antigas “vivendas dos mestres”, agora convertidas en apartamentos sociais rehabilitados con fondos públicos para dar resposta á necesidade de vivenda digna e a prezos asequibles. A principios de xullo, entregáronse as chaves dos tres últimos inmobles dispoñibles, completando así a ocupación total das seis vivendas habilitadas para aluguer social.
O alcalde nacionalista, Xosé Lois Maceda, foi o encargado de facer entrega das chaves aos novos inquilinos, nun xesto que simboliza o compromiso do Concello cun modelo de vivenda pública orientado ao benestar social. As persoas beneficiarias poderán residir nestes apartamentos por un prezo mensual de 100 euros, cunha duración mínima de dous anos e opción de prórroga de ata sete.
Con esta medida, o executivo municipal dá un paso máis na súa aposta por facilitar o acceso á vivenda a persoas e familias que o precisan, especialmente nun contexto de crecente dificultade no mercado do alugueiro. Ademais, a actuación contribúe á recuperación e posta en valor de patrimonio municipal en desuso.
Dende o Concello lembran que este proxecto responde a unha política pública de carácter social, na que se busca garantir a igualdade de oportunidades no acceso a un dereito básico como é a vivenda. O equipo de goberno anuncia que seguirá traballando en novas iniciativas semellantes que permitan fixar poboación e mellorar a calidade de vida no municipio.