A Pobra do Brollón celebra unhas xornadas arredor da Alta Idade Media
Os días 24 e 25 de setembro, A Pobra do Brollón celebra unhas xornadas arredor da Alta Idade Media.
O encontro, denominado A construción da paisaxe galega entre a tardoantigüidade e a Idade Media: Socalcos, campesiñado e cristianismo, comezará ás 9.30 na Casa da Cultura Olga Novo e rematará ás 19 horas.
A intención destas xornadas é recoller os resultados de diferentes proxectos que se están desenvolvendo en Galicia arredor da construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión.
A maior parte son proxectos construídos dende abaixo, participados pola sociedade e liderados por investigadoras e investigadores novos, cuxos obxectivos e desenvolvemento contrastan cos procesos que, dende arriba, teñen lugar en paisaxes como as da Ribeira Sacra. Non obstante, estes discursos tamén deberán integrarse porque forman parte da propia construción identitaria da actual Ribeira Sacra.
Nestas xornadas, coordinadas en colaboración entre Rebeca Blanco-Rotea (Consello da Cultura Galega, USC) e Xurxo Ayán Vila (Universidade Nova de Lisboa), quen desenvolve varios dos proxectos que se levan a cabo na Ribeira Sacra (Castro de San Lourenzo, Os Conventos, Adegas da Memoria), tamén se pretende dar cabida a discursos arqueopoéticos, da man da participación de Olga Novo.
As xornadas levaranse a cabo na Ribeira Sacra do bordo oriental, na Pobra do Brollón, contando co apoio do concello, da asociación de veciños de Cereixa María Castaña e dos proxectos locais, rompendo o eixe habitual nas actividades.
Finalmente, hai que lembrar que a inscrición é gratuíta e que as prazas son limitadas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.