A Pobra do Brollón busca persoas para o Mercado Circular
O Mercado Circular é unha nova iniciativa do Concello da Pobra do Brollón para apoiar a economía local, xusta e sostible. Ponse en marcha en xuño coincidindo coas dúas feiras do 11 e do 25, que este mes caen en sábado.
A proposta está aberta a calquera persoa que queira vender algo da súa propia colleita: produtos da horta, conservas, mel, viño, artesanía... Tamén roupa ou obxectos de segunda man.
O espazo habilitarase de 11:00 a 14:00 horas na renovada Rúa da Peza, no centro da Pobra do Brollón. Haberá animación musical ao longo da mañá.
A participación é gratuíta. O Concello dispón dun número limitado de postos. Unha vez repartidos, os participantes deberán dispor das súas propias mesas ou postos. As persoas interesadas deben contactar no teléfono 650 624 828.