A Pobra do Brollón acolleu este xoves a xuntanza da Rede Municipalista Solidaria

A Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón acolleu este xoves a xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, un encontro que serviu para facer balance das actuacións desenvolvidas durante o último ano e para fixar as prioridades de traballo de cara a 2026 en materia de cooperación internacional en países en vías de desenvolvemento. A xuntanza enmárcase nunha rolda provincial impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade integrada por 119 concellos e as catro deputacións galegas.
Esta rolda de reunións comezou o pasado 26 de xaneiro en Ourense, continuou o día 28 en Cerdedo-Cotobade e o 29 na Pobra do Brollón, con peche previsto o 30 de xaneiro en Pontedeume. O obxectivo é presentar o plan anual de actividades, recoller propostas dos concellos participantes e avaliar o traballo realizado no exercicio anterior.
Durante a sesión destacouse o papel das administracións locais na promoción de políticas de cooperación, solidariedade e sensibilización social, así como a importancia do traballo en rede para reforzar a acción municipal en ámbitos como a saúde, a igualdade de xénero e os dereitos humanos.
O Fondo Galego manterá a súa actividade en países como Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau, en liña cos obxectivos marcados pola Axenda 2030. No último ano, a entidade impulsou diversas iniciativas de educación e sensibilización social, entre elas actividades teatrais, cinefórums, charlas, accións formativas sobre xestión da axuda humanitaria e intercambios institucionais.
De cara a 2026, están previstas novas propostas como a exposición Fontes de solidariedade, cinefórums centrados en curtametraxes africanas e unha obra teatral da compañía Tropa de Trapo. Ademais, desenvolveranse distintas actividades con motivo do 50 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática.
Á xuntanza asistiu o deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, xunto a representantes de distintas administracións locais galegas. A Deputación de Lugo forma parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto co resto de deputacións galegas e 84 concellos. Desde a súa creación en 1997, esta rede promoveu preto de 200 proxectos en 25 países e desenvolve de maneira continuada iniciativas destinadas a fomentar a solidariedade internacional e a sensibilizar á sociedade galega sobre as desigualdades entre o Norte e o Sur.