A Pobra do Brollón acolle unha gran programación para esta fin de semana

RibeiraSacraXa
Comeza unha fin de semana na Pobra do Brollón cunha intensa actividade cultural e festiva da man da programación, que arranca este venres cunha foliada guímara na parroquia de Eixón.
Foliada Eixon agosto 2023 A Pobra do Brollón
26 Abr 2024

Comeza unha fin de semana na Pobra do Brollón cunha intensa actividade cultural e festiva da man da programación, que arranca este venres cunha foliada guímara na parroquia de Eixón.

Aproveitando o patrón da parroquia, San Xurxo, será unha foliada con temática literaria na que se anima aos asistentes a levar algún libro de segunda man para intercambiar. Ademais, porase a disposición unha caixa de suxestións para compra de libros da Biblioteca municipal da Pobra do Brollón.

Animando a foliada estará o grupo Grolo, dúo de saxofón e guitarra que fan música tradicional fusionado. A comisión de festas de Eixón poñerá barra e caldo comunitario, para o que animan aos asistentes a levar cunca e culler.

O sábado trasládase a festa á parroquia de Vilachá de Salvadur, concretamente á aldea de Trasmonte, onde o Furancho O Currio recupera a festa de San Marcos. A xornada comeza ás 12.00 horas cunha alborada e paseo por Trasmonte da man da veciñanza e vermú final en O Currio. Pola tarde, ás 16.30 horas haberá campionato de tute e a partir das 20.00 horas actuará o Dúo Millenial.

A actividade da fin de semana péchase o domingo coa obra teatral 'Boa sorte, mala fama', da compañía Tarabela Creativa. O espectáculo, escrito e dirixido por Carmen Conde, combina narración oral, música ao vivo e interpretación actoral para contar a historia máis incómoda da nosa emigración a través de distintas épocas e persoas.

A obra será ás 19.00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ con entrada libre ata completar aforo e o espectáculo conta cunha axuda da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.1800971031189