A Pobra do Brollón acolle este martes unha charla sobre comunidades enerxéticas

O Concello da Pobra do Brollón organiza este martes, 13 de xaneiro, unha charla informativa sobre comunidades enerxéticas, que se celebrará ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. A actividade está aberta a toda a veciñanza que desexe asistir.
As comunidades enerxéticas son agrupacións destinadas á produción de enerxía renovable para uso propio, tanto individual como colectivo, co obxectivo de avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, democrático e resiliente.
A Pobra do Brollón forma parte, xunto con outros 21 concellos rurais de Galicia, do proxecto piloto EC4RURAL. Este proxecto, financiado polo programa LIFE, busca desenvolver modelos de comunidades enerxéticas adaptados ás características e necesidades de cada territorio rural.