A Pobra de Trives inaugurará este sábado a mostra ‘Fiando soños’

O sábado 4 de outubro, o Museo da Infancia e da Interpretación Histórica da Pobra de Trives acollerá a exposición ‘Fiando soños’, unha mostra que reúne as meninas creadas pola artista e docente Chelo Diéguez xunto co seu alumnado en programas de inserción social.
Cada unha destas pezas, explican os organizadores, vai máis aló da arte téxtil, sendo expresións de superación, aprendizaxe e segundas oportunidades, confeccionadas con creatividade, esforzo e ilusión.
A xornada comezará cunha visita guiada ás 11.00 horas, seguida da presentación oficial da exposición ás 12.00 horas. Dende o Concello da Pobra de Trives convidan á cidadanía a coñecer estas obras cargadas de historia e significado.