A Pobra de Trives acolleu a primeira reunión do proxecto SoutoLAB

A Pobra de Trives foi escenario, a pasada semana, da primeira reunión de SoutoLAB, un proxecto de innovación impulsado pola Fundación Juana de Vega que busca recuperar, valorizar e dinamizar os soutos tradicionais nas comarcas de Valdeorras e Terra de Trives. Este territorio concentra arredor do 20 % dos castiñeirais de Galicia.
O encontro serviu como punto de partida desta iniciativa, que pretende combinar a conservación do patrimonio natural e cultural vinculado á castaña co impulso ao emprendemento e ao desenvolvemento sostible no medio rural. O proxecto preséntase como un living lab rural, un espazo de cocreación no que, durante tres anos, participarán comunidades locais, concellos, asociacións, entidades públicas e privadas, persoas expertas e emprendedoras para deseñar novas estratexias de aproveitamento social, económico e ambiental dos castiñeirais.
O proxecto desenvolverase ata 2027 nos municipios do Barco de Valdeorras, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, e conta co respaldo da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, asociacións culturais e ambientais, cooperativas agroforestais, viveiros, universidades e plataformas tecnolóxicas como Aldealista.
SoutoLAB estrutúrase en tres grandes liñas de traballo. Por unha banda, a preservación cultural, mediante a identificación e difusión do patrimonio vinculado á castaña e a transmisión interxeracional de coñecementos, con especial protagonismo de mulleres e mocidade. Por outra, o impulso económico, apoiando a persoas emprendedoras para crear novos modelos de negocio ligados ao produto local e fomentando o emprego verde e a economía de proximidade. Finalmente, o proxecto contempla un eixo de sustentabilidade ambiental centrado na xestión multifuncional do territorio, considerando os soutos como infraestruturas verdes que axudan a previr incendios forestais e a afrontar o cambio climático.
A iniciativa prevé a participación directa de máis de 220 persoas, especialmente mulleres, mocidade e habitantes de aldeas, nun proceso colaborativo que busca xerar oportunidades de emprendemento, inventarios de patrimonio, novos modelos de negocio e ferramentas replicables noutros territorios rurais de Galicia.
O proxecto conta ademais coa colaboración activa dos concellos participantes e é un dos sete proxectos galegos apoiados pola convocatoria 2025 da Fundación “la Caixa”, dentro do programa “Acción social no ámbito rural: Abordar o reto demográfico para frear o despoboamento”.
Tras esta primeira reunión na Pobra de Trives, SoutoLAB continuará con novos encontros nos distintos municipios participantes. A iniciativa está aberta á participación da veciñanza, e as persoas interesadas poden poñerse en contacto co concelleiro José Luis Vidal para sumarse ao proxecto.