A Pobra de Brollón xa ten nova sede da súa Escola de Música Samoeiro
A Escola de Música municipal Samoeiro xa conta con nova sede con tres aulas moi grandes e luminosas e un almacén para desenvolver a súa actividade.
"É un orgullo contar na Pobra do Brollón cunha Escola de Música como a nosa", comenta o alcalde Xosé Lois Maceda, que di ter "unha oferta educativa de gran calidade e variedade, sendo un eixe vertebrador da comunidade guímara. Por isto merece un edificio propio onde poder desenvolver e seguir medrando a súa actividade", engade.
Antes de contar co edificio, as clases desenvolvíanse na Casa da Cultura, polo que "agora o alumnado conta con espazos especificamente deseñados para as aulas, e as salas da Casa da Cultura quedan máis liberadas para outras actividades". As aulas da nova Escola tamén poderán acoller outras clases que se ofertan dende o Concello, como as de ioga.
Na Casa da Cultura levaban quince anos ofertando unha ampla variedade de clases de música e baile a nenos e adultos, veciños na súa maioría na Pobra do Brollón, pero tamén procedentes doutros concellos da bisbarra.
O novo edificio
A nova Escola sitúase nun edificio en desuso do colexio, agora rehabilitado con fondos propios e do Plan Leader para acoller non soamente a Escola de Música, senón tamén o novo albergue municipal, que unha vez rematado estará aberto na segunda planta.
"Optimizamos deste xeito patrimonio municipal en desuso. Grazas á rehabilitación, estamos a crear nova infraestrutura para albergar actividades comunitarias e dinamizar a economía local", comenta Maceda.
Dende a semana pasada as clases xa se están a desenvolver na nova Escola, aínda que nas vindeiras semanas seguirase a dotar a Escola de máis mobiliario e equipamento.