A Pobra de Brollón recupera A Feira do Viño de Vilachá tras dous anos de parón

RibeiraSacraXa
A Pobra de Brollón recupera A Feira do Viño de Vilachá después de dos años de parón debido a la pandemia. Será los días 7 y 8 de mayo.
FOLGA TRANSPORTES LUGO6
1 Abr 2022

A Pobra do Brollón recupera a Feira do Viño de Vilachá reivindicando a calidade da uva, tras un parón de dous anos provocado pola pandemia.

Trátase da edición número 29 e celebrarase os días 7 e 8 de maio. Coma sempre, a Feira terá lugar no marco incomparable do conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, na parroquia de Vilachá de Salvadur.

Nesta edición a organización introduce novidades co gallo de mellorar a oferta, garantir a calidade dos viños e aumentar o perfil enolóxico da mostra sen perder o carácter festivo que a identifica.

“Queremos mellorar a feira mantendo a súa esencia,” declara o alcalde, Xosé Lois Maceda. O obxectivo desta edición renovada é “salientar a calidade da nosa uva e os proxectos tan interesantes que están a xurdir na ribeira de Vilachá,” engade.

Viño de colleiteiros e de adegas comerciais
Unha das grandes novidades será introducir dous circuítos na Feira: un de colleiteiros e outro de adegas comerciais.

As adegas comerciais poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben comprar uva de Vilachá ou posuír viñas nesta ribeira. “As adegas veñen mercar a nosa uva porque é de gran calidade,” comenta Ricardo Rodicio, concelleiro. “Hai adegas que están a levar premios con uvas da nosa ribeira, algo descoñecido para moitos veciños.”

As adegas comerciais que participarán son Adega Vella, Acivro, Tolo do Xisto, Abadía da Cova, Val do Frade, Bico de Lagar, Ciudaseis e Adega Sernande.

O circuíto dos colleiteiros recolle a esencia de Vilachá, unha ribeira que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Este ano, os colleiteiros deberán certificar a calidade e seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. As adegas que se sometan a este proceso formarán parte do circuíto oficial e estarán debidamente identificadas de cara aos visitantes da feira.

Premios do xurado e do público
Outra gran novidade da presente edición da feira é a introdución dun premio de xurado e un do público, ambos para o circuíto de colleiteiros. Para participar no premio do público, os visitantes recollerán unhas tarxetas que selarán nas adegas de colleiteiro oficiais, e votarán polo seu viño favorito, entrando así nun sorteo.

“Introducimos os premios para que os colleiteiros saquen os seus mellores viños,” aclara Ricardo Rodicio, “e tamén para fomentar que a xente circule por todas as adegas.”

Para o premio de xurado, un xurado profesional avaliará os viños nunha cata que terá lugar o domingo pola tarde.

Que non falte a música
Como noutros anos, a música terá unha gran presencia na Feira. Convidarase aos grupos que ían participar na edición 2021 dos Cantos de Taberna da Pobra do Brollón (que se suspendeu pola pandemia). Tamén haberá unha charanga e algunha outra sorpresa musical.

Ao igual que nas edicións anteriores, haberá pulpeiras e outros postos de comida e tamén de artesanía. En resumo, a organización conta con todos os ingredientes para garantir unha fin de semana festiva, onde beber un bo viño nun ambiente agradable e familiar.

0.1809778213501