A Pobra de Brollón entra o venres en estado de alerta alta
A Pobra do Brollón e Rábade pasarán este venres ao nivel alto de restricións, no que se manterá O Saviñao, mentres que Pantón e Sober, que estaban no medio, baixan ao mínimo.
Así o acordou esta mañá o comité clínico de expertos que asesora á Xunta no marco da pandemia por covid-19 e que preside o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. A comisión analizou os datos epidemiolóxicos tal e como fai regularmente para modificar as restricións por municipios. Os cambios entrarán en vigor na medianoite do xoves ao venres.
O sistema de alerta establecido actualmente en Galicia está está establecido en 4 niveis:
- Máxima. Para incidencia maior de 500 casos por 100.000 habitantes.
- Alta. Para incidencia de 250 a 500. Estaba o Saviñao e agora súmanse Rábade e A Pobra de Brollón.
- Media. Para incidencia de 150 a 250. Sober e Pantón, deixarán este estado para equipararse ao resto de Galicia.
- Baixa. Por debaixo de 150. O resto da provincia.
GALICIA
No nivel máximo de restricións quedará un único municipio en toda Galicia: o ourensán de Beade. No alto situaranse Abegondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazos de de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao.
No medio atoparanse, desde o venres, Vilardevós, Celanova, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimoroto, Carral, A Coruña, Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas. O resto de concellos galegos seguirán no chanzo medio-baixo.
Nun repaso da situación nas cidades, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, destacou o lixeiro incremento da incidencia acumulada a sete días en Vigo e un indicio de melloría na Coruña.
Por todo iso, a área sanitaria de Vigo no seu conxunto e a cidade en particular pasarán a ser obxecto dun seguimento exhaustivo e unha "especial atención".
CERTIFICADO DE VACINACIÓN
Galicia implantará na primeira quincena do mes de abril un certificado para acreditar a vacinación ou estar en posesión de probas de coronavirus que certifiquen a superación do virus ou que a persoa ten un test negativo. Será un ensaio que permitirá contar cunha acreditación xa previa ao certificado verde que prepara a Unión Europea para todos os países co fin de facilitar a mobilidade.
Avanzouno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior ao comité clínico deste martes.
Segundo explicou, este certificado contará cun código QR para a autenticación dos datos, estará dispoñible en primeiro lugar para os vacinados e poderase consultar nas aplicacións sanitarias (pass covid e nas aplicacións do Sergas) e tamén se poderá imprimir en formato papel.