A Plataforma en Defensa da Sanidade de Monforte denuncia a falta de pediatras
A Plataforma en Defensa da Sanidade da Zona Sur de Monforte continúa denunciando a falta de persoal no centro de saúde de Monforte e sinala a falta de pediatras como unha das maiores preocupacións dos usuarios.
Dende o colectivo, asegura que a situación a día de hoxe mantense e que “arredor de 30 nenos están citados para un só pediatra e unha soa enfermeira de modo programado e por urxencias”. Por este motivo, tal e como sinalan, a falta de profesionais provoca o caos e a sobreexplotación da única pediatra e tamén a indignación de nais e pais que están “enfadados polas esperas e a falta de coordinación dunha situación denunciada moitas veces”.
Aínda que entenden que as solicitudes de vacacións, días libres e baixas son un dereito lexítimo de calquera traballador, solicítanlle ao Sergas a obriga de cubrir estes permisos e non anular a maioría das axendas médicas do mes de decembro sen aviso previo aos pacientes ou a imposibilidade de pedir citas. “Esta situación leva agravándose demasiado tempo, xa que en moitos casos as revisións protocolarizadas están a retrasarse mais de 4 meses, no caso de pediatría”, engaden.
Por estes motivos, seguen esixíndolle á Xerencia de Atención Primaria a resolución deste problema que non vén de novo e que repercute nun dos colectivos máis vulnerables da sociedade, pero tamén piden que os usuarios sigan facendo reclamacións ante esta situación.