A plataforma Chantada Quere Sanidade alerta dun “colapso inminente” no Centro de Saúde

RibeiraSacraXa
Advirten que durante o mes de decembro só haberá dous médicos de atención primaria para os máis de 8.000 habitantes da comarca
centro-saude-chantada
Centro Saúde de Chantada
1 Dec 2025

A plataforma veciñal Chantada Quere Sanidade volveu denunciar a situación crítica que atravesa o Centro de Saúde de Chantada, onde actualmente só dous médicos de atención primaria atenden a máis de 8.000 habitantes da comarca. Segundo advirten, esta situación manterase durante todo o mes de decembro, un período especialmente delicado polo incremento habitual da demanda asistencial no inverno.

O colectivo atribúe esta situación a “anos de falta de previsión e unha xestión deficiente” por parte das administracións. Aseguran que a consecuencia directa é unha veciñanza desatendida, profesionais sometidos a unha carga laboral extrema e usuarios que afrontan demoras “intolerábeis”.

A presión asistencial, din, queda reflectida nas propias axendas, xa que no momento en que se habilita o calendario de reservas dalgúns facultativos, os tempos de espera alcanzan até 20 días. Un prazo que, segundo a plataforma, deixa os pacientes sen alternativas para resolver problemas de saúde que a atención primaria debería abordar con maior axilidade.

Entre as causas do colapso, Chantada Quere Sanidade sinala a falta de cobertura de baixas e vacacións médicas. As ausencias cúbrense de maneira intermitente con profesionais alleos ao centro, sen continuidade na atención e sen asumir tarefas esenciais, como as visitas domiciliarias. Isto provoca que parte da poboación quede sen asistencia ou que o peso recaia sobre o escaso persoal fixo dispoñíbel.

A este problema estrutural súmaselle o aumento estacional das patoloxías respiratorias, que previsibelmente saturará tanto a atención primaria como as urxencias hospitalarias. A plataforma lembra tamén que o servizo HADO continúa sen prestarse na comarca, malia os anuncios da Xunta nos últimos anos.

A situación reflíctese no día a día do centro, marcado pola incerteza. O persoal non sabe como organizar as citas para cubrir toda a demanda, os médicos non poden garantir unha atención en tempo e forma, e moitos usuarios descoñecen onde acudir. Como exemplo, relatan o ocorrido o pasado venres 28, cando un paciente que non lograba conseguir cita pediu axuda a un médico no corredor. A resposta do profesional foi, segundo a plataforma, moi preocupante, asegurando que só estaban traballando “dous de sete” e que ademais teñen que atender pacientes a domicilio.

Chantada Quere Sanidade, plataforma veciñal creada en Chantada e formada por persoas comprometidas coa defensa da sanidade pública en Chantada e Carballedo, insiste en que a situación é insostíbel e lembra que “coas vidas non se xoga, e a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”.

⚙ Configurar cookies
0.075314044952393