A Pladesapu segue a denunciar a situación do hospital comarcal de Monforte
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte, reitera as súas reivindicacións pola falta de material que está a sufrir o hospital, a pesar de que representantes do Sergas desmentiran este feito hai uns días.
"Á xa comentada perda de dous aparellos para realizar electrocardiogramas, dos cales un foi resposto (o de urxencias) cun electrocardiógrafo que é “prestado”, agora súmase a perda do monitor do servizo de endoscopias", denuncian desde a plataforma.
Así, argumentan que neste servizo se administran sedacións, o cal require a monitorización de certas constantes vitais dos pacientes, e agora mesmo estase a facer cun tensiómetro e pulsioxímetro "como o que se pode atopar en calquera farmacia", denuncian.
Da mesma maneira, explican que o electrocardiógrafo do servizo de reanimación é un modelo "tan antigo que a día de hoxe o papel que precisa para a impresión do electrocardiograma está descatalogado".
En canto ás reclamacións polo mal funcionamento do servizo de rehabilitación, din que o Sergas está comezando a contestalas, "aínda que de xeito desfavorable, pois non están a devolver os cartos", explican, mentres que o Sergas contesta que "non se trata dunha urxencia inmediata e de carácter vital".
Desde a plataforma seguen animando a xente a presentar as reclamacións e a non quedar calada "diante dunha clara vulneración dos seus dereitos como usuarios do sistema público de saúde", sosteñen desde a plataforma.