A Pladesapu replícalle a Comesaña que "as infraestruturas están ben, pero os profesionais son os necesarios"
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) da área sur de Lugo, responde con escepticismo ante as declaracións do conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa visita última visita o hospital comarcal esta mesma semana.
O conselleiro asegurou que habería un investimento de 15 millóns de euros no hospital, e que, entre moitas outras cousas, se ampliaría o espazo para as consultas externas.
Desde a Plataforma non entenden para que queren aumentar o espazo das consultas, cando estas carecen de facultativos que as atendan, e a tendencia xeral é centralizar todo no hospital de referencia, situado en Lugo.
"Só neste último ano, a dixestóloga colleu a baixa e non a está a cubrir ninguén, só se fan endoscopias unha vez á semana, con listas de espera que superan o ano e con pacientes tendo que ir a sanidade privada; o hospital só conta a día de hoxe cunha psiquiatra en lugar de dúas, e o mesmo conto, listas de espera longuísimas e pacientes que acoden a privada desesperados por unha solución ós seus problemas; os rehabilitadores que viñeron cara a finais de ano, desaparecidos de novo en combate… por non falar de que este ano quedamos coa metade de radiólogos, un que se xubila a finais de ano, e outro que colle praza en Burela, polo cal de catro que hai actualmente o hospital pasaría a ter dous", denuncian. "É dicir, o investimento en infraestruturas en lugar de medios humanos é un despropósito", indicen.
Por outra parte, din que Comesaña insistiu na incorporación de 21 novos médicos, pero xa a finais de 2022, na primeira asemblea que organizou a plataforma, "o discurso do Sergas era ese, a incorporación inmediata dunha morea de médicos que nunca acaban de chegar".
A Plataforma insiste no desmantelamento do hospital comarcal, por moito que queiran colgarse medallas a base de talonario facendo obras estruturais, moitas veces mal rematadas (non esquezamos as inundacións que houbo en diversos servizos tralas choivas do último inverno). "Polo visto desde o Sergas non contaron con que en Galicia puidera chover e as instalacións tiveran que estar preparadas para tal evento climatolóxico".
A Plataforma esixe compromisos reais con Monforte e a súa comarca, non só propaganda nos últimos coletazos da campaña electoral. "As melloras estruturais están moi ben, pero son os profesionais sanitarios os prioritarios, e as queixas dos usuarios están motivadas pola escaseza de médicos, non polo vellas que son as paredes", conclúen.