A Pladesapu denuncia a situación sanitaria en Monforte, Chantada e Bóveda

RibeiraSacraXa
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte segue a denuncia a situación da sanidade pública na zona Sur de Lugo, xa que din que "segue a ser desvalixada sen que ninguén da dirección correspondente ao hospital comarcal nin por parte da xerencia de Atención Primaria asuma responsabilidades".
Pladesapu monforte
30 Nov 2023

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte segue a denuncia a situación da sanidade pública na zona Sur de Lugo, xa que din que "segue a ser desvalixada sen que ninguén da dirección correspondente ao hospital comarcal nin por parte da xerencia de Atención Primaria asuma responsabilidades".

Din que a resposta da Xunta ante as últimas protestas foi que se está a agardar pola resolución e adxudicación das prazas de méritos ofertadas polo SERGAS hai xa máis dun ano.

Outros centros de saúde afectados

Porén, desde a Pladesapu din que "a situación segue practicamente igual no Centro de Saúde de Monforte e no Hospital, e segue a empeorar nos concellos da contorna", concretamente no de Chantada, no que "levan dende antes do verán con falta de facultativos", explican.

Así, dun cupo de 7 médicos e un pediatra, agora mesmo soamente 2 ou 3 médicos atenden a unha poboación de máis de 8.000 habitantes repartidos por un concello con comarcas moi afastadas; e tampouco teñen pediatra e ningún sustituto a maior parte das veces. De feito, denuncian, durante o nadal quedaran só dous médicos para atender casi exclusivamente urxencias.

Tamén subliñan a situación do Concello de Bóveda, no que o seu Centro de Saúde leva sen médico xa varios meses, sendo o médico que atende no consultorio de Rubián o encargado de cubrir as necesidades dos habitantes das dúas zonas, media maña en Rubián e media maña en Bóveda; a maiores das urxencias que poidan aparecer.

Pero ademais, explican que debido ás vacacións do único médico titular, o centro de saúde de Bóveda queda estes días sen facultativo, xa que o médico sustituto so cubre o consultorio de Rubián.

Dende a plataforma esixen, por todo isto, tanto a Xerencia de Atencion Primaria como a do Hospital Comarcal que cubran os ocos vacantes dos facultativos, sen deixar pobos sen atención médica durante semanas.

0.15218806266785