A Pladesapu denuncia a falta de persoal e de material que "está a sufrir o hospital comarcal de Monforte"

RibeiraSacraXa
A Pladesapu denuncia a falta de persoal e de material que "está a sufrir o hospital comarcal de Monforte", explican
pladesapu Monforte
1 Maio 2023

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) denuncia o que denominan "desmantelamento" que está a sufrir o hospital comarcal, tanto de persoal como de material.

Din que segue sen haber un médico rehabilitador desde que se xubilou a doutora Cadarse a finais do ano 2022, "ao que agora se suma a perda dunha das súas psiquiatras que formaban parte do servizo de saúde mental e que actualmente atende un gran volume de doentes, sobre todo despois da agudización de moitas patoloxías mentais trala pandemia", argumentan.

Con respecto á falta de material, desde a plataforma din que o electrocardiógrafo da planta de medicina interna está pedido desde hai un ano e, mentres, "suplen a ausencia compartíndoo coa planta de especialidades, cando sempre houbo un por servizo".

Ademais, "agora mesmo está a ocorrer o mesmo en urxencias", sosteñen, "no que de dous electrocardiógrafos só teñen un dispoñible, co risco que iso supón á hora de atender dúas urxencias a un tempo".

Así, desde a plataforma esperan que esta situación se solvente o antes posible, "xa que poden escusar a ausencia de profesionais coa falta de médicos, pero os electrocardiógrafos son un material básico e doado de adquirir".

0.19217705726624