A PLADESAPU da zona sur de Lugo denuncia a ausencia de médicos do hospital comarcal
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da zona sur de Lugo denuncia de novo a ausencia de médicos do hospital comarcal, algo que "xa semella ser a tónica habitual do centro", critican.
"Despois de máis dun ano sen rehabilitador, agora é o turno do servizo de psiquiatría, totalmente desvalixado. As patoloxías mentais están a orde do día, e mentras a OMS avoga por darlle cada vez máis importancia o coidado da saúde mental, a xerencia monfortina deixa sen psiquiatras ó centro", explican.
Así, engaden que as listas de espera son "inasumibles, de pacientes crónicos sen revisión en máis dun ano, e sobre todo en reagudizacións que acaban con ingresos no HULA, fácilmente evitables cunha atención adecuada. Todo isto repercute na saturación de urxencias, a donde acoden estes doentes en busca de axuda, e na escaseza de ambulancias, que mentres están a trasladar a estos pacientes a unidade de psiquiatría correspondente, non están a facer outras funcións tamén urxentes, por non falar do custo económico de mobilizar unha ambulancia con enfermería, ademáis de moitas veces con celador, se o estado do paciente así o require", denuncian.
Por todo isto, desde a Plataforma esperan que a xerencia tome cartas no asunto e se tome en serio a saúde mental dos cidadáns.